Thursday 09 de May de 2024

Asinada a acta de replanteo do proxecto de replanteo de humanización da rúa José Manuel Ferreiro Penedo


A intervención está valorada en 100.000 euros e dará continuidade a obras de simulares características realizadas noutras rúas da contorna.

O alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro de Obras, Pablo Cambón, reuníronse no Concello co director do proxecto de humanización da rúa José Manuel Ferreira Penedo e cos responsables da empresa que executará os traballos -Construcciones Mantido S.L.- para proceder á sinatura da acta de replanteo, trámite previo ao comezo das obras que se producirá en próximas datas.

A actuación deseñada polo Concello dará continuidade a outros proxectos de similares características realizados nos últimos anos en varias rúas da capital municipal da Laracha próximas á que será obxecto desta intervención, tales como Epifanio Campo, Silverio Moreda, David Mallo, Coruña, Lugo, Pontevedra e Suíza, entre outras.

Na rúa José Manuel Ferreira Penedo prevese renovar o pavimento da calzada, aumentar a seguridade viaria co marcado de novos pasos para peóns e establecer o sentido único de circulación, o que permitirá gañar espazo para ampliar a beirarrúa, habilitar máis aparcamentos -contemplándose a reserva de prazas para vehículos de persoas con mobilidade reducida- e crear áreas de descanso con mobiliario urbano.

Para beneficio xeral tanto da cidadanía como dos locais comerciais situados na zona, priorizarase aos peóns sobre o tránsito rodado nesta rúa eminentemente residencial e emprazada nun dos ámbitos con maior densidade de poboación do termo municipal da Laracha.

O proxecto está valorado en 100.000 euros e será cofinanciado entre o Concello e a Deputación da Coruña.